A Deputación renova o seu compromiso coa rehabilitación do balneario de Requeixo
O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e o propietario de Aguas de Villaza, Fuentes de Vida, José de Sousa Cintra, asinaron no Pazo Provincial o novo convenio para a cesión gratuíta do balneario e a súa contorna
Este acordo, que renova o asinado en 2018, permite seguir avanzando na recuperación desta infraestrutura e na potenciación do turismo termal na comarca
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou na Sala de Xuntas do Pazo Provincial co alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e co propietario de Augas de Villaza, Fuentes de Vida, José de Sousa Cintra, a renovación do convenio para a cesión gratuíta das instalacións do balneario de Requeixo.
A renovación do convenio asinado en marzo de 2018, permite a Deputación -financiadora das obras- e ao Concello seguir executando o proxecto de mellora para a rehabilitación de Requeixo. Segundo sinala o propio acordo asinado na reunión -na que tamén estivo o arquitecto responsable do proxecto, Juan Francisco García-, o convenio realízase co obxectivo de “poñer en marcha un espazo biosaudable no contorno do balneario de Requeixo, lugar emblemático do municipio en xeral e de Vilaza en particular, coa promoción da auga mineromedicinal do seu manancial”.
No marco deste convenio, e na liña do realizado nos últimos cinco anos, o acordo sinala que se “realizarán traballos de limpeza, estabilización e conservación dos edificios deste espazo termal, así como a limpeza, conservación, mantemento e sustentabilidade do seu contorno. No futuro, “tamén se rehabilitará a envolvente da antiga nave embotelladora e se limpará e recuperará o manancial de augas mineiromedicinais”.
Todas estas actuacións teñen o obxectivo de “poder realizar actividades centradas na promoción turística do agüismo, tales como cata de augas, dispensación da auga mineral natural directamente do manancial, información, formación, visitas turísticas, formación, remodelación, reforma e adaptación de espazos, así como actividades de ocio”.